InicioOrientalRibadeoCarlota Eiros, arquitecta: "os documentos atestiguaban a existencia do porto de Rinlo...

Carlota Eiros, arquitecta: “os documentos atestiguaban a existencia do porto de Rinlo xa no século XIII”

Carlota Eiros (Meira) é arquitecta. Coñece A Mariña desde moi pequena. Nese tempo descubriu a vila de Rinlo, en Ribadeo, e cos anos pensou en mercar unha casa nese lugar. Non foi doado, había obstáculos legais polo medio á parte do deterioro da área onde mercaran ela e o seu marido unha vivenda que logo restauraron. Foi grazas á investigación que realizaron entre toda a documentación do Concello e dos Arquivo Histórico e do Arquivo da Catedral de Mondoñedo, como conseguiron salvar a fachada marítima medieval de Rinlo.

Publicada o

- Advertisement -

-Como descubriu a vila de Rinlo?

A nosa relación coa Mariña comezou hai moitos anos, cando baixabamos os domingo á praia de Altar e San Bartolo dende Meira. Recordo toda a costa virxe sen as urbanizacións que hai hoxe. Só o Moby Dick e a os prados cheos de merendas. Rinlo era un lugar moi escondido e nós descubrímolo indo en bicicleta, nun tempo en que aínda había barcos no porto.

-Por que mercou unha casa nesta vila?

Cando volvemos de Inglaterra no ano 97, o meu marido, o filólogo Benigno F. Salgado, entrou de profesor na Universidade de Vigo e compramos un piso en Pontevedra onde vivimos, pero nos sentímonos do norte. Nos veráns empezamos a buscar unha casa na costa e o sitio que máis nos gustaba era Rinlo. Tivemos que esperar un tempo e no ano 2.000 apareceu un letreiro anunciando a venda dunha casa na fachada da ribeira ao mesmo tempo que se iniciaban as obras do paseo marítimo.

-En que estado estaba?

Moi regular. A casa que mercamos estaba habitada durante o verán pero o barrio estaba totalmente abandonado. Só había catro casas habitadas das trece que forman a fronte marítima na desembocadura do río. A maioría servían como almacén para gardar as barcas e as colleitas de cebolas e patacas. Contrastaba moito co Cotarelo onde as casas sempre estiveron habitadas. Estas familias que vivían no Cotarelo tiñan os homes na mariña mercante e o diñeiro que traían serviu para renovalas. As da Ribeira fóronse abandonando despois da guerra. Era moi difícil entrar con vehículos. A rúa de acceso é unha rúa peonil.

-Sabíase de que data eran esas vivendas en primeira liña de costa?

Non, non se sabía. Os vellos falaban de fundadores vascos nos tempos da pesca da balea. O conxunto está dentro dos 20 metros do dominio público marítimo-terrestre. Xa nos anos setenta se planteara a sua demolicion debido o abandono e mal estado da fachada. Para ter a autorización de obra era necesario presentar en Costas a licenza de construción que demostrase a legalidade da edificación. Esas licenzas non existía de modo que parecía imposible poder arranxar as casas. En Inglaterra aprendemos a valorar o vernáculo e a utilidade da historia na construcción da identidade. Así que nos puxemos a investigar. Non foi fácil. Pasaron uns cantos anos. Era unha época de moita construción e a Lei de Costas do 1988 intentaba protexer a costa da especulación salvaxe que sufrira o Mediterráneo. No caso de Rinlo salvouno da especulacion nos vinte metros do dominio público marítimo terrestre que afecta a todo o casco antigo, pero o mesmo tempo impedia a sua rehabilitación.

As casas da Ribeira fóronse abandonando despois da guerra. Era moi difícil entrar con vehículos. A rúa de acceso é unha rúa peonil.

-Mais ao final puido demostrar as datas desas construcións?

Eu son arquitecta e vía elementos que indicaban a súa antiguidade, coma a intrincada configuración urbana de rúas e congostras, mais datar exactamente un lugar é complicado sen evidencias escritas. Entón foi cando dixemos “Isto é moi antigo e imos demostralo”. Para a investigación tivemos axuda, primeiro dos veciños que tiñan documentación privada. Os documentos máis antigos da casa que nós mercamos eran de 1950, por tanto non valía para demostrar o que queríamos, pero apareceron outros de 1890. No Concello atopamos licenzas a partir de 1870. O proceso foi longo, achegámonos ao Arquivo Histórico e ó Arquivo da Catedral de Mondoñedo onde coñecemos a Enrique Cal. Lembro ese momento con cariño, cando atravesarmos o cláustro e subimos ao seu despacho, que era moi pequeno e forrado de libros antiquísimos. Explicámoslle a nosa endeita e el deunos a primeira pista porque nos dixo: “Si, no Tumbo do Mosteiro de San Salvador de Lourenzá hai un documento do 1268”. Ese documento non falaba de Rinlo directamente, falaba do Porto de Rielo de Meirengos, o lugar das primeiras cabanas de pescadores de Rinlo. Era un preito entre o Concello de Ribadeo e os monxes do mosteiro de Lourenzá sobre as capturas da pesca. Tiñamos unha data, só faltaba relacionala coas casas. Os documentos atestiguaban a existencia do porto xa no século XIII, por tanto existía Rinlo e había persoas realizando tarefas de pesca naquel lugar. Cando limpamos a casa que mercamos démonos de conta de que os linteis das portas e as vigas non foran substituídas. Pensamos que se averiguabamos as datas das vigas poderiamos coñecer as etapas construtivas da casa, porque na sociedade tradicional os materiais de construción sempre se reutilizaron. Primeiro tivemos que investigar onde poder facer a proba do C14, e así chegamos ao Instituto de Química Rocasolano do CSIC en Madrid. A sorpresa foi que as datas das vigas coincidían coas datas da documentación do mosteiro de Lourenzá, mediados do século XIII.

-Entón esa primeira liña de casas podería gardar relación coa actividade baleeira desenvolvida na costa da Mariña?

Durante a Idade Media a caza das baleas era moi importante pois a súa graxa era o combustible usado naquela época. Sobre se era un porto baleeiro intentamos documentarnos pero Rinlo non aparece tan mencionado como sucede con outros portos. Podemos especular con que os mariñeiros de Rinlo embarcasen en navíos vascos cando estes arribaban para facer as campañas de caza. Tamén sobre se en ocasións metían baleas no porto. É posible e mesmo que as descuartizasen na ribeira fóra dos rexistros.

Rinlo salvouno da especulacion os vinte metros do dominio público marítimo terrestre que afecta a todo o casco antigo, pero tamén impedía a súa rehabilitación

-Foi a partir do seu estudo e pola adquisición da súa casa cando naceu o interese por manter a fachada marítima de Rinlo?

Home, se as casas non son túas, por moito interese que teñas non podes facer nada. A arquitectura é moi física, fai falta ter a propiedade para poder restaurar, mais ese non era o noso caso. A Ribeira era un vecindario pobre, con xente maior sen moitas posibilidades de arranxar eses edificios. Na actuación do paseo marítimo recebaron o primeiro grupo de casas, mais o último racimo de casas estaba moi deteriorado e deixárono descolgado do proxecto. Aí non querían investir diñeiro e mesmo se iniciou un expediente de derrubo. Foi daquela cando mercamos nós a casa, pois non podes frear un expediente de derrubo se non es propietario.

-Cal é o estado desta primeira liña actualmente?

En parte está recuperada logo de vinte anos. Ao mercarmos a casa comprometémonos ao arranxo exterior da mesma. No 2009, despois das obras, pensamos que se outras vilas mariñeiras eran Conxunto Histórico, Rinlo merecía selo tamén. Contactamos con Patrimonio, daquela dirixido polo arqueólogo Felipe Arias que fora director do Castro de Viladonga. Felipe Arias entendeu que se debía promover a conservación do porto como conxunto histórico con todos os seus valores. Preparamos o expediente BIC, mais houbo un choque de intereses co PXOM de Ribadeo. Houbo un cambio de goberno na Xunta e dende aquela este expediente dorme nun caixón da Xunta. Hai moita xente coa idea de que Rinlo é Conxunto Histórico pero aínda non o é. Rinlo non está protexido, perdeuse unha oportunidade. Esperemos que haxa outra.

Sobre se era un porto baleeiro intentamos documentarnos pero Rinlo non aparece tan mencionado como sucede con outros portos

-Podería dicirse que Rinlo está “recuperado”?

Depende de que Rinlo, porque recuperar o pasado é moi difícil senón imposible. Rinlo está renovado. Subvencionáronse moitas obras a traves da ARI. No proceso perdéronse carpinterías antigas, vigas antigas, corredores, chemineas e fontes se cadra interesantes… moitas veces de forma inconsciente porque non existe unha guía de boas prácticas que axude a facer unha cultura propia e actual que valore o patrimonio histórico local. Eu intentei manter todo no seu sitio e que fose habitable. Usamos materiais tradicionais como o cal, o castaño e a pedra local respectando as tipoloxias e os detalles.

-Houbo entón máis xente interesada en instalarse e renovar Rinlo?

Houbo interese en reformar porque había unha A.R.I. Desde o Concello deron axudas que a xente usou para renovar as casas. As necesidades cambian e as casas melloráronse. Neste proceso eu intentei manter o carácter das edificacións. O sitio pedía ese respecto. Gústame a nova arquitectura, mais cando chegas a un lugar cun centro histórico de tantos anos hai que ter certo respecto e cautela. Non se instalou xente pero cada vez temos máis visitantes que veñen a Rinlo a desconectar e desfrutar da paisaxe e da gastronomía. Coidar da paisaxe humana e natural é fundamental para a sobrevivencia económica do Rinlo actual.

-A día de hoxe cal é a impresión que ten da vila logo de todos estes procesos?

Cando estás tan metido nun sitio é difícil apreciar os cambios. Paseino moi ben facendo todo o que fixen, sigo facendo cousas e sempre vexo cousas por facer. A paisaxe constrúese entre todos e ás veces aparecen obras disonantes creando unha sensación de caos, descoido e falta de urbanidade. As persoas repiten modelos sen pensar, e estes modelos unhas veces son bos e outros non tan bos. Por exemplo, desaparecen valados de pedra antigos, que están protexidos, e no seu lugar aparecen muros de cemento con pedra de chapacuña pegada. Todo o mundo pensa “no meu podo facer o que queira”; mais a paisaxe é de todos e cando a construímos é necesario facelo con xeito para sumar e non restar aos valores do lugar.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...